Saturday 20 de April de 2024

Arrinca un novo curso na Aula de Teatro do Concello de Carballo


INSCRICIÓNS ATA O 13 DE MARZO

A Aula de Teatro do Concello de Carballo retoma a súa actividade para seguir fomentando as artes escénicas entre a poboación adulta do noso concello. Se tes 18 anos ou máis e queres desenvolver a túa vocación artística, toma nota! O primeiro que tes que facer é inscribirte. Tes de prazo ata o día 13 de marzo. Descarga o impreso ao final da nova e preséntao en calquera dos rexistros municipais.
A Aula de Teatro estará dirixida pola compañía carballesa Galeatro, que vén de ser proposta para os Premios María Casares na categoría de espectáculo infantil, e que vén, ademais, de estrear o seu primeiro espectáculo para público adulto.

O curso desenvolverase entre os meses de marzo e xuño, con ensaios todos os luns, de 20.00 a 22.00 horas, no Pazo da Cultura. Asistir ás sesións de aula con regularidade e puntualidade é unha das obrigas das persoas participantes, que ademais deberán participar nun mínimo de dúas actividades de intervención teatral propostas pola Concellaría de Cultura, como o enterro da sardiña, o programa das Letras Galegas, o FIOT, etc.

Na selección de participantes daráselles preferencia ás persoas que formasen parte da aula na súa edición anterior, e en segundo lugar considerarase a orde de inscrición. No caso de que non poidan ser admitidas todas as solicitudes elaborarase unha listaxe de suplentes para cubrir posibles baixas. Neste caso tamén primarán a orde de inscrición e as características persoais dos posibles suplentes que dende a dirección da aula se consideren necesarios.